Siloxismo - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | Y

Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.

Siloxismo
1. Do grego "syllogismos" (razoamento). O siloxismo é unha forma de razoamento que consta de tres proposicións, de xeito que dúas delas actúan como premisas, das que deriva a terceira, que se considera a conclusión do razoamento. Os termos de que constan as proposicións (suxeito e predicado) están distribuídos de tal xeito que as tres proposicións teñen, tomadas de dúas en dúas, un termo común.

2. A premisa que serve de punto de partida do razoamento chámase "premisa maior" e é a máis xeral; a premisa que serve de intermediario chámase "premisa menor", e é menos xeral que a anterior; e a proposición que se deduce da "maior" por mediación da "menor" é a conclusión do razoamento.

3. Chámase "termo maior" ao predicado da conclusión, que debe aparecer na premisa maior, e representase coa letra P. Chámase "termo menor" ao suxeito da conclusión, que aparece tamén na premisa menor, e representase coa letra S. O "termo medio" é o que aparece nas dúas premisas (maior e menor) e non na conclusión, e representase coa letra M.

4. Aristóteles, nos "Analíticos", ocúpase tanto do razoamento dedutivo como do indutivo, pero considera que o coñecemento científico acádase deducindo o particular do xeral, é dicir, co coñecemento das causas. Aristóteles privilexiará, polo tanto, a análise do razoamento dedutivo, e en especial do razoamento dedutivo categórico ou siloxismo. (En xeral, co termo siloxismo referímonos, se non damos máis detalles, á súa forma máis coñecida, o siloxismo categórico). Un exemplo de tal siloxismo sería o seguinte:

Tódolos seres humanos son mortais.
Tódolos gregos son seres humanos.
Logo tódolos gregos son mortais.

M é P
S é M
---------
S é P